Equipadas con lentes inmersivas, un grupo de persoas maiores de 65 anos e usuarias de Cruz Vermella Pontevedra puideron coñecer como funciona Sogama.
O gupo trasladouse a Cerceda (A Coruña) para coñecer e comprobar in situ o tratamento que reciben os residuos que producen cada día nas instalacións da sociedade pública.
A actividade busca alentalos a seguir colaborando na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos refugallos, que necesariamente debe pasar pola prevención, a reutilización (alongando ao máximo a vida útil dos produtos) e a reciclaxe.
Educadoras e educadores explicaron aos integrantes deste colectivo o percorrido que segue o residuo desde que se xera ata que chega a Sogama e sae do seu complexo convertido en recurso.
Explicáronlles tamén que, no caso dos refugallos non reciclables, a empresa acondiciona a partir dos mesmos un combustible CDR que valoriza enerxeticamente para producir electricidade renovable, impedindo ao mesmo tempo que acaben enterrados en vertedoiro.
Puideron coñecer que a día de hoxe Sogama produce con esta fracción a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Equipados con lentes inmersivas e, a través dun percorrido virtual, os visitantes puideron ver, co máximo detalle, a operativa das distintas instalacións que conforman o complexo.
Coñeceron como se procesa a denominada bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que a compañía separa por materiais para enviar aos centros recicladores, e tamén a bolsa negra ou fracción resto, da que se segregan os residuos potencialmente reciclables e que deberían ter sido introducidos noutros contedores de recollida selectiva para remitilos tamén á industria transformadora.
