O Concello de Marín vén de abrir a licitación para a instalación das luces de Nadal, cun investimento de 108.900 euros.
O obxectivo é iluminar a vila "do xeito máis bonito posible" nunha das épocas de maior maxia do ano, segundo informou o goberno local este martes 26 de agosto.
As empresas interesadas en concorrer a este procedemento teñen de prazo ata o mércores 3 de setembro para presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
O prego técnico do concurso establece, ademais de cumprir coa normativa vixente, unha serie de características técnicas e estéticas para os motivos a instalar.
Terá especial peso o criterio de sostibilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético. Para iso, polo menos o 80% do alumeado instalado deberá ser de tecnoloxía LED.
O deseño da iluminación deberá estar acorde co municipio e cubrir o maior número de rúas, prazas e zonas dispoñibles, incluíndo tamén unidades singulares.
Os elementos decorativos terán que manter unha harmonía cromática.
As empresas licitadoras tamén deberán presentar un plan detallado de instalación, indicando con claridade a planificación de montaxe e desmontaxe.
A intención do Concello é minimizar ao máximo a afección ao tráfico e á cidadanía, sen sobrepasar o prazo dunha semana para estes traballos.
