Máis de 2,2 millóns de euros irán destinados ao CAAN en 2026 para recollida de animais

Pontevedra
19 de decembro 2025

A Xunta de Goberno da Deputación aproba un paquete de máis de 8,5 millóns de euros para benestar social, mellora de infraestruturas e servizos públicos, destacando o reforzo do centro de acollida de animais

Animais á espera de adopción no CAAN
Animais á espera de adopción no CAAN / Deputación de Pontevedra - Arquivo

 A Deputación de Pontevedra aprobou este venres 19 na súa Xunta de Goberno un investimento total de máis de 8,5 millóns de euros destinados a diversas medidas de benestar social, mellora de infraestruturas e servizos públicos na provincia.

Un dos puntos máis salientables é a inxección de máis de 2,2 millóns de euros para o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira.

O presidente da Deputación, Luis López, destacou a importancia deste investimento para o CAAN, que garantirá o servizo de recollida de animais, a atención no centro e a prestación de servizos veterinarios, así como o programa sanitario de colonias felinas para os anos 2026 e 2027.

O CAAN atende actualmente a 52 concellos da provincia, onde realizou máis de 20.000 intervencións e atendeu unha media de entre 250 e 300 animais neste 2025.

López subliñou o orgullo da Deputación por un servizo "moi ben acollido pola cidadanía" e que busca un modelo de xestión sostible, con altas taxas de adopción.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra

Ademais do CAAN, a Xunta de Goberno deu luz verde a outras partidas:

Acción Comunitaria con máis de 3,2 millóns de euros. López anunciou a aprobación de 3,2 millóns de euros para as tres liñas de axudas dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia: +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria.

Estas liñas medran un 20% no 2026 con respecto ao 2025 e, nestes dous anos e medio de goberno, xa beneficiaron a 1.000 colectivos e distribuíron 11,5 millóns de euros.

  • +Novaqua (360.000 €): Destinarase á regularización das traídas de augas veciñais, con axudas de ata 6.000 euros para sufragar custos de redacción de proxectos de legalización, renovación, traballos de topografía e gastos de xestión.

  • +Aqua (case 1,5 millóns €): Permitirá ás comunidades de usuarios de auga mellorar infraestruturas e instalacións das traídas, iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética, sistemas de tratamento de augas, e obras de reforma da captación ou impermeabilización, con ata 10.000 euros por entidade.

  • Provincia Comunitaria (preto de 1,5 millóns €): Dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais, con ata 10.000 euros por entidade para executar obras, adquirir equipamentos ou afrontar gastos de xestión e limpeza de terreos.

O prazo de solicitude para estas liñas abrirá o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá activo ata o 1 de abril de 2026.

XUVENTUDE A MÁIS

A Deputación pon en marcha o novo programa "Xuventude a Máis", dotado con preto de 100.000 euros.

Este programa ofrecerá 102 obradoiros a concellos de menos de 20.000 habitantes, que á súa vez poderán ofrecer entre dous e catro obradoiros a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

As temáticas abranguen habilidades para o benestar e o coidado persoal, expresión artística e cultural, e conexión e coidado da contorna.

Os concellos deberán presentar as súas solicitudes e elixir as temáticas entre o 19 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2026. Os obradoiros desenvolveranse entre setembro de 2026 e marzo de 2027.

LECER EN FAMILIA

 A Xunta de Goberno adxudicou o contrato para o desenvolvemento do programa "Lecer en Familia 2026", cun orzamento de 180.000 euros.

Este programa ofertará preto de 3.000 prazas para que familias con menores ao seu cargo poidan gozar de tempo de lecer en hoteis da provincia, en réxime de media pensión, entre o cuarto trimestre de 2026 e o primeiro de 2027.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá do 1 ao 15 de abril de 2026.

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra

MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS 

demais, aprobouse unha axuda de preto de 86.000 euros para que o Concello de Campo Lameiro financie a adaptación das instalacións e a contorna das piscinas municipais na zona da Chanciña.

Esta axuda enmárcase no II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros. Tamén se destinan máis de 2,7 millóns de euros á mellora das estradas provinciais.

O presidente Luis López expresou a súa "satisfacción plena" polos acordos desenvolvidos durante este ano que finaliza, subliñando que moitas das medidas impulsadas polo goberno provincial están agora "visibilizándose e sendo un éxito".

Destacou o traballo en base á escoita e a comprensión das necesidades da provincia, con programas para a mocidade, apoio ao asociacionismo e medidas en materia de deporte e cultura, mirando xa aos desafíos do ano 2026.