A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou este venres co alcalde do Campo Lameiro, Carlos Costa, o convenio para financiar as obras de urbanización da contorna do Centro de Estancia de maiores de Agrelo.
O investimento total suporá 511.752 euros, dos que a Xunta achegará o 51% (260.993) e o Concello, o 49% (250.758).
Allegue destacou que esta intervención completará o equipamento municipal coa urbanización da parcela que rodea o edificio, situado á beira da igrexa de San Miguel do Campo, e a habilitación dun acceso peonil e rodado ás instalacións.
"É un proxecto que cumpre todos os obxectivos que nos marcamos desde a Xunta para colaborar coas administracións locais, xa que ademais de axudar a pór en valor as nosas vilas e núcleos rurais, permiten humanizar espazos e dotalos de accesibilidade universal", subliñou a conselleira.
A intervención, sinalou, "beneficiará de maneira especial aos usuarios do centro e ás súas familias ao dotar o inmoble de infraestrutura accesible".
A actuación completarase coa execución de muros de contención en pedra, nova iluminación, mellora da sinalización, redeseño do mobiliario urbano e plantación de árbores. Tamén se instalarán varandas, enterraranse as liñas de iluminación e tendido eléctrico. Á beira do edificio instalaranse aparellos de exercicio e unha pista de petanca.
Allegue avanzou que a Xunta axilizará no posible toda a tramitación para licitar as obras canto antes, cun prazo de execución de 6 meses, de forma que poidan ser unha realidade en 2027.
Esta colaboración execútase ao amparo do Plan Hurbe, co que a Administración autonómica apoia os municipios para financiar diferentes tipos de intervencións dirixidas a completar equipamentos, mellorar a accesibilidade ou transformar contornas urbanas.
De acordo co convenio asinado, a Xunta licitará e executará as obras, mentres que o Concello asumirá as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións, que incorporará ao patrimonio público municipal.