Máis ambientación e multitude de actividades para a sétima edición do Día de Colón

Poio
02 de xullo 2016

Combarro regresará ao tramo final da Idade Media o venres 8 e o sábado 9 de xullo coa sétima edición do Día de Colón

Presentación do VII Día de Colón PontevedraViva

Combarro prepárase para regresar ao século XV coa sétima edición do Día de Colón, feira medieval que encherá de actividades e historia as rúas da localidade durante o venres 8 e o sábado 9 de xullo.

O evento, organizado a Asociación Combrus, Vides Novas e asociación de empresarios e comerciantes de Poio coa colaboración do Concello, contará cunha ampla programación, comezando coa chegada da Nave Santa María con Colón e a súa tripulación ás 22:00 horas do venres.

A encargada de ler o pregón da festa será nesta ocasión Milagros Bará, colaboradora de PontevedraViva e unha "gran defensora de la teoría del Colón gallego", sinalou na presentación da feira Juanjo García.

Entre as novidades desta edición destaca que a xusta medieval, que se realiza por segunda vez, celebrarase na Praza da Chousa en lugar de no Paseo Marítimo porque "entendemos que va a quedar mucho más bonito".

Mercado de artesanía, xogos populares e tradicionais para os pequenos, teatro na rúa, exhibicións de tiro con arco e cetrería ou espectáculos de malabares e luces completan a programación, condensada principalmente na xornada do sábado de 11:00 horas da mañá ata as 23:00 horas da noite.

Ademais as entidades organizadoras centraron o seu esforzo en potenciar a ambientación nas rúas, para o que solicitan a colaboración de veciños e hostaleiros.