O primeiro Festival Gastronómico Mestizaxes distribuía durante a súa celebración un total de 15.250 tapas entre os máis de 10.000 visitantes que se achegaban ata a carpa instalada na Praza de España, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, considera que esta primeira edición foi un éxito ata o punto de que algún dos restaurantes quedaron sen tapas varias veces ante a notable demanda e, nalgún caso, mesmo se viron obrigados a pechar durante a xornada do domingo pola noite ante a imposibilidade de elaborar máis.
Segundo a concelleira socialista tamén nos establecementos destes restaurantes o traballo na cociña mantívose "día e noite" ao longo da fin de semana.
Mestizaxes tiña como obxectivo "darlle visibilidade á cociña internacional da cidade" e cada un dos restaurantes ofrecía catro tapas salgadas e unha doce.