Máis de 50 mozos concéntranse para reclamar unha pista de skate en Pontevedra

Pontevedra
25 de xaneiro 2014

Skaters, rollers e bikers de Pontevedra manifestáronse na Praza de España para reivindicar unha pista na que poder practicar estes deportes. Denuncian que levan nove anos agardando pola instalación que lles prometeu o Alcalde tras o derrubamento da de Mollabao

Protesta para solicitar unha pista de skate en Pontevedra
Protesta para solicitar unha pista de skate en Pontevedra / PontevedraViva

Máis de cincuenta mozos pontevedreses, algúns deles nenos acompañados polos seus pais, concentráronse ante as portas do edificio do concello na Praza de España para reclamar a construción dunha pista de skate para poder practicar saltos con bicicletas, patíns e monopatíns.

Cos seus diferentes medios de transporte urbano, estes manifestantes repartiron folletos informativos nos que se podía ler que tras nove anos sen skatepark dende o derrubamento do que se encontraba en Mollabao aínda non teñen noticias do compromiso realizado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que prometera a elaboración dun novo proxecto. Por ese motivo, nos últimos anos protagonizaron varios actos de protesta sen obter resultado ata o momento.

Diego Reboreda, voceiro do colectivo, indicaba que co alcalde nunha puidera falar e que xa hai tempo que se reuniran co concelleiro de deportes sen lograr que o proxecto da infraestrutura para practicar estes deportes avanzase. Reboreda sinalou que tamén mantiveron conversacións con concelleiros do Partido Popular, que lles explicaron os proxectos que eles queren formular para estas actividades na cidade. O voceiro dos mozos indicou que normalmente están a empregar a Praza de Curros Enríquez e a de José Martí pero son conscientes das molestias que causan aos viandantes. "A única pista que hai en Pontevedra encóntrase en Campolongo e está totalmente deteriorada", apunta Diego Reboreda.

Ante esta situación, os mozos que practican estas modalidades deportivas, que segundo apuntan ascende a máis de 250 en Pontevedra, teñen previsto concentrarse cada 15 días na Praza de España ata que algún responsable do goberno local lles garanta a construción da pista de skate.