Máis de 700 persoas participarán o domingo na "derradeira" Marcha Solidaria contra a leucemia

Pontevedra
07 de xuño 2024

Esta iniciativa solidaria, impulsada pola Asociación FRANGIL contra a leucemia, promove un itinerario entre Vigo e Pontevedra. A entrega de dorsais vai realizarse ata este sábado 8 de xullo nun local habilitado na praza do CC Vialia de Vigo. Os participantes percorrerán 35 quilómetros partindo da Senda Verde para finalizar na pontevedresa Praza da Peregrina

Marcha 700 camisetas contra a leucemia 2023 Asociación FRANGIL

Este domingo 9 de xuño máis de setecentas persoas participarán na 15 edición da Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia. O prazo de inscrición xa está pechado.

A Asociación FRANGIL, organizadora do evento, sinala que será "A Derradeira" neste formato, aínda que o colectivo manterá outras actividades. 

A marcha ofrece un percorrido de 35 quilómetros entre as cidades de Vigo e Pontevedra coa intención de sensibilizar á sociedade sobre a importancia da doazón de medula ósea e o incremento dos rexistros de doantes deste tecido.

Este ano a saída realizarase desde a praza superior do CC Vialia de Vigo, ás 09.30 horas para os camiñantes e ás 10.30 horas para corredores e membros do Discamino, partindo da Senda Verde ata finalizar na praza pontevedresa da Peregrina. Os dorsais entregaranse ata este sábado 8 no local habilitado no CC Vialia de Vigo.

Para as persoas que acoden desde Pontevedra frétanse autobuses que sairán ás 08.15 horas do Pavillón de Deportes de Pontevedra.

Persoas voluntarias con vehículos e motos de apoio garantirán que a marcha transcorra sen incidencias. Establécense cinco puntos de avituallamiento e servizos de recuperación en Arcade e tamén en Pontevedra.

A Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia é unha iniciativa solidaria que se iniciou en 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no 2009, entre Vigo e Pontevedra, e que formaba parte de dez etapas percorrendo Galicia coa intención de entregar 700 camisetas destinadas a persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia.

O movemento en Facebook é seguido por máis de 18.500 persoas.