Máis de sesenta gatos de rúa foron esterilizados, vacinados e rexistrados en Marín

Marín
07 de xaneiro 2026
Actualizado: 16:17

As colonias felinas identificadas están por distintos puntos do municipio, pero o Concello estivo a prestarlle unha especial atención á de Méndez Núñez - Fondo do Saco

Un gato nunha das colonias felinas de Marín
Un gato nunha das colonias felinas de Marín / Concello de Marín

O goberno municipal de Marín continúa avanzando no seu plan para controlar as colonias felinas na vila.

Así, durante os últimos meses, máis de sesenta gatos e gatas foron esterilizados, vacinados e rexistrados polos responsables deste servizo.

As colonias identificadas están por distintos puntos do municipio, pero o Concello estivo a prestarlle unha especial atención á de Méndez Núñez - Fondo do Saco.

Alí, segundo a edil Mónica Viqueira, "apenas nos quedan tres gatos machos por castrar".

A maiores, os traballos deste plan estendéronse ás colonias do Forte, Fonte do Este, Fonte do Leste, San Xián, Coirados, Inferniño, Cividanes - A Dichosa, A Laxe, Outeiro, nas hortas urbanas do Sequelo e en Fontán ou nas dúas que hai preto do cemiterio.

Un gato nunha das colonias felinas de Marín
Un gato nunha das colonias felinas de MarínConcello de Marín

Aínda que antes xa se viña actuando, como por exemplo na Cañota, o proceso de esterilización acelerouse grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.

Este traballo conxunto comezou en outubro e facilita as gaiolas necesarias para a captura dos gatos para levalos ao CAAN, o centro de atención de animais de Armenteira, para castralos e despois devolvelos á súa colonia.

Todo isto "sería imposible", recoñece Viqueira, sen a axuda das persoas voluntarias que participan nas capturas, pero que tamén se están a encargar da alimentación controlada e ordenada das colonias. Para iso, contaron con 150 quilos de penso.

O obxectivo do goberno municipal é continuar co control das colonias, formalizalas, tratar de evitar aumentos de poboación con novas camadas e garantir a seguridade e a salubridade dos gatos.