Ana Outerelo e Tamara Vidal non descansan. A pesar dos numerosos informes que avalan a súa petición de indulto, entre eles da Audiencia de Pontevedra e a propia Fiscalía, non se fían. O Consello de Ministros aínda debe resolver o seu caso e por iso seguen solicitando apoios, tanto por escrito coma a través da plataforma dixital change.org. E cada vez son máis persoas as que lles mostran o seu apoio incondicional.
Ambas as dúas traballadoras, condenadas a tres anos de prisión por participar nun piquete durante a folga no sector das piscinas, acudiron este luns á Subdelegación do Goberno para entregar 11.237 novas firmas escritas, que se suman ás entregadas xunto coa petición de indulto no Ministerio de Xustiza. Ademais, alcanzaron xa os 90.000 apoios a través desta plataforma social pola Internet.
O pasado 7 de xullo, o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, comunicaba aos responsables de CC.OO e UGT que o Goberno estudará o caso das pontevedresas, cuxa sentenza se encontra actualmente suspendida á espera da resolución á súa petición de indulto. Espérase que, despois do verán, o Consello de Ministro tome unha decisión a este respecto.