A contorna da dársena portuaria de Marín xa está en obras para lograr unha transformación que permita recuperala para o uso da cidadanía.
O proxecto inclúe a colocación de parterres, que reverdecerán a zona, e a mellora da conexión coa beirarrúa que vai xunta á Escola Naval.
O obxectivo é rematar esa unión entre a beirarrúa que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco, que ata agora estaba nunha situación deteriorada, chea de coches e impedindo calquera atractivo ou goce por parte da cidadanía.
A alcaldesa, María Ramallo, explicou que o obxectivo é "reverdecer esta zona, dotándoa de moito máis verde para conseguir que sexa agradable pasear por ela e que lle dea continuidade ao que estamos facendo noutros puntos desta parcela".
Trátase dunha obra que suporá un investimento de máis de 330.000 euros, con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística, financiado cos fondos Next Generation.
O Concello de Marín acomete estas obras despois de actuar xa no fondo mariño e recuperar a antiga dársena portuaria como un espazo habilitado para as actividades náutico-deportivas.
Agora tocaba urbanizar toda a súa contorna, que actualmente de atopaba totalmente degradada, recuperando a conexión co mar.