A rúa Celso Emilio Ferreiro, unha arteria que serve de porta de entrada ao campus universitario de Pontevedra e nexo de unión para miles de estudantes a diario, converteuse no centro das críticas de usuarios polo mal estado das beirarrúas.
Persoas que utilizan esta vía lamentan o "abandono sistemático" por parte da administración ao entender que o actual estado supón un risco real para a integridade física dos peóns.
Esta zona da Xunqueira, que alberga a Escola Oficial de Idiomas (EOI), así como diversos centros de educación primaria e secundaria, presenta baldosas levantadas, rotas ou directamente afundidas pola irregularidade do terreo.

A situación agrávase coas inclemencias meteorolóxicas. A falta dun mantemento axeitado provoca que, nos puntos onde o firme cedeu, se formen grandes bolsas de auga que dificultan o paso, segundo as persoas afectadas.
A queixa cidadá pon especial énfase nos problemas que supón camiñar por esta zona para persoas invidentes ou con mobilidade reducida.

Un usuario afirma que "as persoas con mobilidade reducida ou que andan con muletas non caen á mantenta; é o estado do pavimento o que axuda a que isto suceda".
Tamén reclaman unha mellora no estado dos colectores de lixo, máis prazas reservadas para vehículos de persoas con discapacidade nesta contorna educativa e puntos de recarga para vehículos eléctricos.
O Concello de Pontevedra xa avanzou a principios deste ano que está prevista unha reordenación de toda a contorna ao campus coa creación dun novo acceso rodado cara á Xunqueira, posiblemente mediante unha rotonda, para aliviar o acceso pola avenida de Compostela.
