Marcha do BNG este domingo desde Xustáns á Fracha contra a construción dun megaproxecto eólico na zona

Pontevedra
08 de xuño 2021

Demetrio Gómez pedía este martes a participación da cidadanía na marcha para opoñerse a este proxecto do Parque Eólico que afectaría a Ponte Caldelas, Soutomaior e á zona de Marcón en Pontevedra. A convocatoria partirá ás 10.00 horas do día 13 desde a parroquia de Xustáns en Ponte Caldelas

Demetrio Gómez, do BNG, presenta a marcha contra a "invasión eólica"
Demetrio Gómez, do BNG, presenta a marcha contra a "invasión eólica" / BNG

O Bloque Nacionalista Galego convoca para este domingo 13 ás 10.00 horas unha marcha contra a "invasión eólica". Esta protesta iniciarase en Cruz do Brasil na parroquia de Xustáns no municipio de Ponte Caldelas ata o parque da Fracha en Pontevedra. 

Segundo explicaba Demetrio Gómez, responsable comarcal do BNG, esta protesta realizarase na zona que se verá afectada por este megaproxecto eólico que afecta aos concellos de Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra, onde está prevista a instalación dun xerador na zona de descanso de Outeiro Navío na parroquia de Marcón.

Gómez demanda a participación cidadá para frear o modelo eólico que, segundo indicou, promove o Partido Popular para beneficiar ás grandes multinacionais enerxéticas "cos que teñen intereses moi intensos". Neste sentido referiuse a que a ex conselleira de Traballo e Benestar (2009-15) e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (2015-18), Beatriz Mato, pasou a formar parte do consello de administración da empresa Greenalia, entidade que traballa en enerxías renovables. 

O representante nacionalista afirmou que os plans da Xunta de Galicia supoñen un espolio da riqueza do país. Por este motivo, entende que é necesario que a poboación reivindique un plan eólico xusto, sostible e galego co obxectivo posto en que calquera iniciativa sexa respectuosa coas persoas residentes no rural. Tamén demanda que as riquezas que se xeren con estes parques revertan en Galicia garantindo un monte multifuncional e produtivo. "Que se pense en beneficio do país - e non das grandes multinacionais - cunha tarifa eléctrica galega tanto para consumidores domésticos como para a industria", reivindicou Demetrio Gómez 

Arquivado en