Andaina para comprobar as consecuencias que tería a creación de parques eólicos na zona da Fracha

Pontevedra
13 de xuño 2021

O BNG convocaba este domingo á cidadanía para realizar un percorrido por unha das zonas na que se estuda a instalación dun parque eólico. O grupo nacionalista presentará unha batería de iniciativas parlamentarias sobre a avalancha de parques eólicos que afectan a municipios como Ponte Caldelas, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro ou Cuntis

Luís Bara, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, participou na marcha
Luís Bara, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, participou na marcha / BNG

O BNG levou a cabo este domingo unha marcha desde a Cruz do Brasil, na parroquia de Xustáns en Ponte Caldelas, ata a parroquia pontevedresa de Marcón para comprobar de que modo afectarán ambientalmente os proxectos eólicos que están en estudo para instalar na contorna da Fracha afectando tamén a Soutomaior.

O deputado do Parlamento de Galicia, Luís Bará, participaba neste percorrido e anunciaba a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para regular o que considera unha "avalancha" de parques eólicos en tramitación e que afectarán os municipios de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A Estrada.

Bará entende que estes proxectos poñen en risco iniciativas da comarca de Terra de Montes como a tradicional Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Internacional ou tamén o Observatorio Astronómico de Forcarei.

Sinalan que os parques previstos afectarán a municipios como Campo Lameiro, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Silleda ou A Estrada coa instalación de 85 muíños nesa contorna. Os representantes do BNG entenden que unha das características da nova fase de desenvolvemento eólico, iniciada en 2019, é o intento de acaparar terras de alto valor ambiental, social e agrogandeiro, afectando tanto o patrimonio natural como ao cultural.

Arquivado en