Marcón e Mourente cambiarán a LED máis de dous mil puntos de luz

Pontevedra
23 de agosto 2021

O cambio a LED na iluminación pública do rural pontevedrés segue avanzando. Marcón e Mourente serán as dúas próximas parroquias en abordar esta actuación de eficiencia enerxética, segundo avanzou este luns o goberno municipal

Iluminación LED na Peralba, Marcón
Iluminación LED na Peralba, Marcón / Concello de Pontevedra

O cambio a LED na iluminación pública do rural pontevedrés segue avanzando. Marcón e Mourente serán as dúas próximas parroquias en abordar esta actuación de eficiencia enerxética, segundo avanzou este luns o goberno municipal.

En concreto, investiranse 1,4 millóns de euros para substituír 2.088 luminarias e 41 cadros de mandos. O contrato, que sae agora a licitación en busca da empresa que acometerá este cambio de tecnoloxía, recolle un prazo de execución de catro meses e medio.

Ademais da redución na contaminación  lumínica, este investimento permitirá reducir o consumo enerxético desta iluminación. Estímase un aforro do 70%.

Marcón e Mourente sumaranse así ás parroquias que xa substituíron a súa iluminación, que son Bora, A Canicouva, Ponte Sampaio e Lourizán.

No caso de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, o contrato para a renovación da súa iluminación pública exterior atópase tamén en licitación.