Marea e Compromiso por Galicia avanzan na súa folla de ruta cara ás municipais en Pontevedra

Pontevedra
03 de outubro 2014

Compromiso por Galicia aprobou en asemblea o calendario oficial para a celebración de primarias na capital. E, pola súa banda, Marea Pontevedra xa comezou a concretar o seu contacto directo coa cidadanía

Votacións nas eleccións europeas
Votacións nas eleccións europeas / PontevedraViva

Compromiso por Galicia aprobou en asemblea o calendario oficial para a celebración de primarias na cidade de Pontevedra. Pablo Tortajada, secretario local, anunciou que o proceso para a elección comeza o día 3 de outubro coa apertura do prazo para presentar candidaturas e finaliza o día 17 de outubro coa elección.

Para ser candidato ás primarias en Pontevedra só é preciso ser maior de 18 anos, estar censado en Pontevedra e non ter vinculación política con outro partido. Non é preciso por tanto ser afiliado, nin tan sequera simpatizante de Compromiso por Galicia.

A presentación de candidaturas faráse a través do enderezo [email protected]. O 10 de outubro daránse a coñecer as candidaturas presentadas.

Será o día 17 de outubro cando se habilitará un colexio electoral na cidade para proceder á elección.

O secretario xeral de CxG, Xoan Bascuas, explicou como se desenvolverá o proceso e informou de que para ser elector "é suficiente ter 16 anos, non ter vinculación política e estar censado en Pontevedra". Os electores deberán inscribirse previamente para poder votar, enviando un correo ao enderezo [email protected], ou ata unha hora antes do peche da urna, no propio colexio electoral.

MAREA PONTEVEDRA

Membros de Marea Pontevedra participarán no encontro municipalista que organiza a Marea Atlántica (A Coruña) este sábado 4 de outubro, onde acudirán ademáis outras iniciativas cidadás como a Marea Ártabra (Ferrolterra), Marea de Vigo, Compostela Aberta, Ourense en Común ou Ames Novo.

A Marea Pontevedra xa comezou a concretar o seu contacto directo coa cidadanía. A coordinadora xeral da Marea definiu a campaña de enquisas e recollida de novos apoios.

As primeiras mesas informativas da Marea Pontevedra instalaranse na semana próxima, o mércores 8 na Praza da Peregrina, entre as 18 e 20 horas, e o sábado 11, na Praza de Abastos, entre as 11 e 13 horas.

Ademáis ven de abrir un perfil e unha páxina en Facebook que nas primeiras 48 horas xa ten superado entre ambos os 300 seguidores. Nos próximos días tamén activará unha conta en Twitter para un contacto máis directo coa xente.