Marea esixe a reforma integral da vella estrada a Marín e o traslado do tráfico pesado á PO-11

Pontevedra
29 de agosto 2015

Marea Pontevedra trasladará unha moción ao próximo Pleno da corporación municipal para tratar de resolver os problemas para a seguridade viaria que se rexistran diariamente na vella estrada PO-546, que une a cidade de Pontevedra co municipio de Marín

Estrada Pontevedra-Marín á altura de Mollabao PontevedraViva

Marea Pontevedra trasladará unha moción ao próximo Pleno da corporación municipal para tratar de resolver os problemas para a seguridade viaria que se rexistran diariamente na vella estrada PO-546, que une a cidade de Pontevedra co municipio de Marín.

Entenden que esta estrada acumula un "elevado tránsito" de vehículos de gran tonelaxe pola presenza do complexo industrial de ENCE-Elnosa. Segundo a súa viceportavoz, Carme Moreira, esta vía non foi deseñada para soportar "semellante volume de tráfico pesado" e o seu grao de deterioración chegou a un punto "moi preocupante".

O grupo municipal de Marea asegura que "un día si e outro tamén" sucédense os afundimentos no firme, que causan vibracións e fendas nas vivendas lindeiras. A falta de beirarrúas e a velocidade excesiva fan que a circulación de vehículos e o tránsito de bicicletas e persoas "convivan con dificultade", entrañando graves problemas de seguridade viaria.

Esta situación foi reiteradamente denunciada polo colectivo Masa Critica de Pontevedra, e viuse agravada desde que o tránsito das bicicletas ten que facerse de xeito obrigado pola estrada PO-546, ao telo prohibido desde o pasado mes de xullo pola estrada PO-11. "Todo isto multiplica os riscos para integridade física e seguranza dos ciclistas", segundo Carme Moreira.

Por iso, Marea quere instar ás administracións propietarias das estradas PO-546 e PO-11, para que trasladen o tráfico pesado á coñecida como autovía de Marín, habilitando nesta un carril de acceso ao complexo industrial desde onde remata a estación depuradora de augas residuais e outro carril de saída desde a fábrica á PO-11.

Ademais, demandan da Xunta que leven a cabo actuacións de recuperación integral na estrada vella de Marín, reparando os espazos afundidos, construíndo beirarrúas, facilitando a convivencia peonil e de bicicletas e rebaixando a velocidade con medidas disuasorias como semáforos, radares fixos ou cámaras para sancionar as persoas infractoras por exceso de velocidade.