O grupo de Marea de Vigo-SON traslada ao pleno da Deputación de Pontevedra unha moción na que se recolle unha iniciativa da Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber apoiada por máis de 32.000 firmas.
A campaña "Basta de tiros" pide a inclusión do chamado 'tiro ao pombiño' no ordenamento xurídico de benestar animal de Galicia, que se actualizará a partir de 2017 co debate dunha nova Lei de Protección Animal, despois de 23 anos dunha norma xa profundamente desfasada.
Marea expón na súa moción o rexeitamento á pervivencia duns campionatos "nos que se chega a mutilar ás aves para forzar o seu voo irregular, e que cada ano supoñen a morte violenta e agónica de centos de animais por mero divertimento". Así, exporán unha resolución que insta á Xunta de Galicia a incluír entre os espectáculos prohibidos, como será o uso de fauna silvestre en circos, as pelexas de cans ou galos, o tiro ao pichón.
As organizacións que denuncian a pervivencia do 'tiro ao pombiño' en Galicia, que ten lugar en dous campos de tiro privados, un deles na illa da Toxa no Grove, xa contan con máis de 32.000 firmas en contra desta "animalada que nada ten que ver coa caza", e que gozou de subvencións públicas a través do programa Deporte Galego.
Na provincia pontevedresa tan só O Grove acolle un campionato de carácter anual, do cal se desvinculou leste mesmo ano o seu principal patrocinador.