Marea pide soterrar o transformador eléctrico de Monte Porreiro

Pontevedra
21 de novembro 2017

Ao soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro, Marea quere engadir agora o centro de transformación eléctrica situada na confluencia das rúas Alemaña e Bélxica, nas inmediacións do Parque Europa

Barrio de Monte Porreiro
Barrio de Monte Porreiro / Mónica Patxot

Ao soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro, Marea quere engadir agora o centro de transformación eléctrica situada na confluencia das rúas Alemaña e Bélxica, nas inmediacións do Parque Europa.

Así o reclama nunha moción que trasladará ao pleno da corporación municipal.

Marea recorda que este centro está ao carón dunha das torres que serán retiradas. Ten uns 35 metros cadrados e conta con dous transformadores eléctricos no seu interior de 630 e 400 quilovoltioamperios, respectivamente.

O partido que lidera Luis Rei entende que esta instalación, ademais de poder constituír un risco potencial para a saúde nun entorno de xogo infantil e de reunión, xera unha importante barreira física, bloqueando a comunicación das rúas cara o parque central de Monte Porreiro.

Ademais, asegura que a construción imposibilita a existencia dunha entrada principal cunha mellor accesibilidade dende a rúa Bélxica.

Marea instará ao goberno municipal, con esta iniciativa, a iniciar á maior brevidade conversas coa Consellería de Industria e a empresa Gas Natural-Fenosa coa finalidade de acadar un acordo para a realización das obras de soterramento deste transformador.