Marea solidaria de récord en Campo Lameiro

Umia
19 de setembro 2025

A cifra de participantes para esta cuarta edición supera a previsión da organización, que se atopou coas 700 prazas previstas cubertas dez días antes do peche oficial de inscricións

Andaina solidaria de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

Preto de 750 participantes, entre inscritos e colaboradores, formarán parte este domingo da tradicional Andaina de Campo Lameiro.

A cita, organizada polo Concello e o Campo Lameiro CD, supera de longo o rexistro do pasado ano, cando se alcanzaron os 650 participantes.

Nesta cuarta edición, as cifras superaron a previsión da organización, que se atopou coas 700 prazas previstas cubertas dez días antes do peche oficial de inscricións.

Esta avalancha deixou fóra a numerosos interesados que non chegaron a tempo a formalizar a súa participación.

Desde a organización sinalan que o éxito desta convocatoria "demostra que a paisaxe do noso Concello, a amabilidade dos veciños e o espírito solidario da proba son unha garantía de éxito".

Neste sentido, indiaron que cada participante achega 5 euros que van destinados integramente á Fundación Andrea, unha entidade sen ánimo de lucro que presta apoio a familias con nenos que padecen enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais.

Concello e Campo Lameiro CD quixeron agradecer publicamente a todos os veciños pola súa implicación no desenvolvemento e organización do evento, que xa se consolidou como unha das citas sociais e deportivas de referencia na comarca.