A proposta "As mulleres que opinan son perigosas" regresa ao Teatro Principal de Pontevedra os días 14 e 15 de marzo de 2025 para celebrar a súa oitava edición.
A entrada será de balde ata completar o aforo.
O evento, ideado polas xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, volve as súas orixes ao centrarse no papel fundamental do xornalismo na sociedade e reivindicar o papel das profesionais que exercen o seu traballo nos medios de comunicación nun período de sobreinformación e desinformación. Asimesmo, tamén vai atenderse á investigación de abusos sexuais no eido cinematográfico.
A presentación do proxecto realizouse na mañá deste mércores 19 de febreiro, diante do Teatro Principal. Neste acto, ademais das xornalistas organizadoras, encontrábanse cargos públicos como o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, a concelleira de Igualdade Anabel Gulías, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Promovido polo Concello e a Deputación de Pontevedra, o programa deste ano contará cun total de 15 profesionais con carreiras recoñecidas e, ao mesmo, terán cabida voces emerxentes dentro do xornalismo e da opinión.
María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras do Premio de Opinión da edición anterior, abrirán a xornada do sábado a partir das 12:00 horas da mañá.
Entre as convidadas destacan referentes coma María Escario, Anna Bosch, Olga Rodríguez, Raquel Rosa ou Aida Bao.

A programación deste ano recupera o espírito orixinal do foro, centrando a atención na investigación xornalística en casos de violencia sexual e na información internacional.
Entre as intervencións máis sobranceiras están profesionais coma Ana Marcos e Elena Rein, xornalistas que destaparon casos de abusos no cine, ou Olga Rodríguez, que analizará a imaxe da muller nos conflitos bélicos.
A cita tamén abordará temas como a representación da homosexualidade nos medios, o papel do humor na comunicación ou a complexidade de ser unha filla e a relación convulsa coas figuras maternas.
O evento pecharase cunha conversa con María Escario, referente do xornalismo televisivo, que repasará a súa traxectoria.
Nesta edición alcanzarase a cifra de 100 profesionais da comunicación, que pasaron polo foro dende a súa creación en 2018.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia desta iniciativa para dar visibilidade ás mulleres no xornalismo, un ámbito onde as voces femininas seguen sendo minoritarias.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, sinalou que “isto é un evento que se podía celebrar en calquera das grandes cidades de España, pero celébrase nunha das máis importantes: Pontevedra”.
Ao remate do evento, abrirase o prazo para a terceira edición do Premio de Opinión “Mulleres que opinan”, que permanecerá aberto ata o 8 de abril.
As persoas que o desexen poden inscribirse a través da web da Deputación de Pontevedra.
