María Martínez Allegue confirma que o 80% das 2.040 vivendas previstas en San Amaro serán protexidas

Pontevedra
19 de setembro 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas fixo balance este venres dos proxectos en marcha con 299 novas vivendas públicas previstas para 2028 e un investimento de 60 millóns

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda, explicou o PIA de San Mauro Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou este venres en Pontevedra que a cidade contará con 300 novas vivendas de promoción pública que se farán realidade no ano 2028, cun investimento total comprometido de 60 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

Durante un almorzo informativo celebrado na delegación da Xunta en Campolongo, xunto co delegado territorial Agustín Reguera e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, a conselleira detallou que destas 300 vivendas, 253 construiranse en Valdecorvos, 53 na zona de Tafisa (Ernestina Otero) e 11 na zona das Devesas.

Martínez Allegue destacou que o esforzo da Xunta en Pontevedra forma parte dun "compromiso absoluto coa cidade" e dun traballo que se desenvolve "a un ritmo abrumador", xa que tan só en ano e medio de lexislatura xa se puxeron en marcha preto de 3.000 novas vivendas en Galicia, cun investimento licitado de máis de 200 millóns de euros, dun orzamento estimado de 541 millóns de euros.

VALDECORVOS

En Valdecorvos xa están en execución 74 vivendas cun investimento de 16,5 millóns de euros, que se entregarán na primavera de 2026. Ademais, a Xunta xa ten licitada a obra dun inmóbel de 56 vivendas por 9,6 millóns de euros, que prevé adxudicar a finais deste mes para iniciar a súa execución este mesmo ano.

Está tamén en redacción o proxecto para outro inmoble de 48 vivendas en Valdecorvos, cun investimento de 9,1 millóns de euros, que se licitará en outubro. Ademais, converteranse tres locais comerciais en vivendas nos baixos de Prado Novo, cun investimento de 800.000 euros.

O Concello de Pontevedra cedeu tres parcelas á Xunta para construír vivenda pública: unha en Valdecorvos para 54 vivendas, outra en Ernestina Otero para 53 vivendas, e unha terceira nas Devesas para 11 vivendas, cun investimento estimado conxunto de máis de 22 millóns de euros.

Todas estas actuacións xa teñen a redacción de proxecto e dirección de obra en adxudicación.

Vivendas en construción en ValdecorvosConsellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

SAN AMARO

A Xunta aprobou o 5 de agosto a delimitación do ámbito de San Amaro a través dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que permitirá construír 2.040 vivendas nun terreo de 215.000 metros cadrados. O 80% destas vivendas terán algún tipo de protección e arredor de 400 serán de promoción pública directa da Xunta.

Heriberto García Porto explicou que o proxecto respecta un corredor central verde arredor dun afluente do río Gafos, destinando 72.300 metros cadrados (35% do ámbito) a espazos libres e zonas verdes, e 26.000 metros cadrados a equipamentos públicos. As alturas dos edificios oscilarán entre baixo máis tres e baixo máis seis plantas.

O desenvolvemento contará con 25 bloques de edificios que disporán dunha gran praza central, máis de 2.000 árbores respectando a vexetación da contorna do río que atravesa a zona, 550 prazas de aparcadoiro público e mobiliario urbano e iluminación sostibles.

Están previstas vivendas unifamiliares neste espazo para arredor de dez vivendas actuais afectadas polo proxecto para as que se estudaría o realoxo nesas novas construcións.

Terreos de San Amaro onde está prevista a creación de 2.040 vivendasConsellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

A conselleira anunciou que a Xunta está a tramitar unha nova axuda a promotores, que se suma á xa concedida á cooperativa Andares do Lérez, e que constituirá unha achega de preto dun millón de euros para 2 inmobles de nova construción na zona de Tafisa.

Unha das cooperativas recibiu medio millón de euros para unha promoción en Ernestina Otero, e outra máis de 400.000 euros para outra cooperativa que traballa na construción de vivenda protexida.

Martínez Allegue subliñou que o 25% das vivendas en réxime de venda e o 40% das de alugueiro estarán reservadas para menores de 36 anos, co obxectivo de fixar poboación nova na cidade.

A conselleira avanzou que "o mellor está por vir", xa que a partir de 2026 comezarán a entregarse as primeiras vivendas públicas en Pontevedra, consolidando así unha estratexia que combina vivenda asequible, desenvolvemento urbano sostible e novos espazos de lecer para a cidadanía. "Entre todos estamos a construír a Pontevedra do futuro", subliñou.

A conselleira falou sobre o PIA de San AmaroPontevedraViva

OUTROS CONCELLOS

Segundo a información facilitada pola conselleira María Martínez Allegue, a Xunta está a "verificar a posibilidade de realizar algún" proxecto de interese autonómico (PIA) no municipio de Marín. Analizan a viabilidade e o próximo mes terán o estudo de viabilidade preparado para avaliar se é factible desenvolvelo.

Pola súa banda, o Concello de Bueu levou a pleno a aprobación inicial da cesión dunha parcela de titularidade municipal para construír vivenda de promoción pública. Actualmente require un prazo de exposición pública de 20 días e, se non hai alegacións, a Xunta aceptará a cesión e iniciará os trámites de licitación da redacción do proxecto.

A conselleira tamén confirmou que en Sanxenxo teñen "ese acordo que está a piques de materializar para a cesión dunha parcela tamén para construir vivenda pública".

En relación con Poio, a conselleira manifestou que "nos gustaría" desenvolver proxectos de vivenda pública en Poio, pero explicou que "non todos os concellos dispoñen de solo urbano consolidado" de titularidade municipal onde se poida construír. Recoñeceu que este municipio "está crecendo moito" pero que, de momento, non hai proxectos concretos ante a falta dese solo urbano consolidado.

Agustín Reguera, María Martínez Allegue e Heriberto García PortoPontevedraViva