Marín acenderá as cacharelas de San Xoán e San Pedro, previa autorización

Marín
10 de xuño 2020

O cambio con respecto a celebracións pasadas é que, este ano marcado pola pandemia do coronavirus, non poderán funcionar os postos de reparto de comida. Así mesmo, coma nos últimos anos, non se permite o acendido de fogueiras nas praias

Fogueiras na Noite de San Xoán Diego Torrado

Os marinenses poderán celebrar as festividades de San Xoán e de San Pedro coas tradicionais cacharelas. O cambio con respecto a celebracións pasadas é que, este ano marcado pola pandemia do coronavirus, non poderán funcionar os postos de reparto de comida. Así mesmo, coma nos últimos anos, non se permite o acendido de fogueiras nas praias.

O prazo para presentar as solicitudes de cacharelas ábrese este venres 11 de xuño e rematará unha semana despois, o venres día 18. As solicitudes poden facerse a través da sede electrónica do Concello de Marín ou ben de modo presencial a través do Rexistro municipal, neste último caso con cita previa. No documento de solicitude da autorización para a cacharela deberá indicarse nome e apelidos, DNI, data do acendido e o tipo de fogueira, pública ou privada.

Unha vez rematado o prazo de solicitude, o Concello avaliará cada petición para confirmar a súa viabilidade. Desde o Consistorio insístese na importancia de respectar as medidas de seguridade e as recomendacións de hixiene e de saúde pública que rexerán na fase de desescalada en que se sitúa a celebración da festa e apela á responsabilidade especialmente dos organizadores das fogueiras privadas.

 

NORMAS RELATIVAS ÁS CACHARELAS

O Concello de Marín quere lembrar a todas as persoas interesadas en participar das tradicionais fogueiras, que deben observarse unha serie de normas, que resume nas seguintes instrucións:

  • Estará prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, sobre xardíns ou zonas verdes e baixo tendidos eléctricos
  • As cacharelas terán que gardar unha separación mínima de 12 metros lineais coa vexetación, coas casas e cos edificios máis próximos
  • A súa altura máxima será de 14 metros e o diámetro da zona de combustión non superará os 6 metros de ancho
  • Para a combustión só poderá empregarse leña, ramas, troncos de árbores ou calquera material de madeira. Estará prohibido o uso de materiais inflamables como pneumáticos, plásticos, latas, botellas de vidro ou materiais de PVC. Tamén está prohibido tirar aerosois (aínda que estean baleiros), aceites, líquidos, combustibles ou calquera substancia explosiva
  • As persoas que asistan á festa, non se poderán situar nunha área de diámetro similar á altura do pau central da cacharela
  • Queda prohibido facer cacharelas na praia
  • As persoas organizadoras das fogueiras deberán ter coñecemento dos télefonos de contacto necesarios no caso de que xurda algún accidente. O teléfono de emerxencias é o 112