O Concello de Marín activa a maquinaria para ter as praias listas cando chegue o bo tempo. Co verán no horizonte, o goberno local vén de dar os primeiros pasos administrativos para contratar os servizos de limpeza dos areais e o seu balizamento.
Ambos traballos, fundamentais para garantir tanto a boa imaxe como a seguridade dos bañistas, prestábanse ata agora a través de contratos que xa esgotaron o seu período de vixencia.
Por iso, na última Xunta de Goberno Local aprobouse iniciar a tramitación dos novos expedientes, co obxectivo de redactar os pregos e sacar a licitación os servizos con marxe suficiente.
A intención é que as adxudicacións estean pechadas antes do verán e que todo estea en funcionamento cando comecen a chegar os primeiros usuarios aos areais.
A limpeza abranguerá non só a area, senón tamén os espazos de uso común, como baños e accesos, mentres que o balizamento permitirá delimitar as zonas de baño e reforzar a seguridade no litoral.
Mentres tanto, outra actuación estratéxica continúa avanzando a bo ritmo. Trátase da mellora do Vial de Praias, unha obra que permitirá renovar o paseo peonil e rehabilitar un carril bici que presentaba un notable deterioro.
Na actualidade, os traballos concéntranse no treito comprendido entre o inicio do vial e a praia de Portocelo, aínda que a intervención tamén inclúe a Rúa do Forte e a súa conexión co corredor litoral ata o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor.
Cando rematen as obras, Marín disporá dun itinerario continuo e seguro para peóns e ciclistas que unirá Cantodarea, no límite con Pontevedra, con Mogor, reforzando así a mobilidade sostible e o atractivo do seu litoral de cara á próxima tempada estiva.