O Día Internacional da Muller, o 8M, estará dedicado en Marín á covid-19. Pero, máis particularmente, ás consecuencias que a pandemia está a ter sobre a muller e que agravaron a situación de desigualdade que estas viven na súa vida cotiá.
O Consello da Muller, presidido pola concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, acordou dedicar o próximo 8M a esta cuestión, que estará presente na declaración institucional que o Concello de Marín realizará por ese día.
En concreto, farase un especial fincapé no caso do paro e das dificultades engadidas para o mercado laboral ou os cambios e os retos que trouxo consigo o teletraballo.
Esta nova modalidade de traballo supuxo para as mulleres un maior esforzo, xa que sobre elas recaen normalmente os labores de coidado, tanto de menores como de maiores dependentes.
De cara ás novas xeracións e ao cambio de mentalidade que se ten que seguir realizando na nosa sociedade, o documento institucional tamén fará fincapé na importancia da utilización dunha linguaxe non sexista, especialmente entre a docencia.
Ademais, tamén porá o foco nos contidos audiovisuais que a día de hoxe son enormemente consumidos pola xente nova e que en reiteradas ocasións perpetúan roles sexistas que é importante desterrar, a través da educación dos rapaces e rapazas.
Marín tamén establecerá liñas de visibilización da problemática que existe a nivel global coa prostitución e a trata de mulleres e mostrarase un apoio total aos colectivos LGTBIQ+, que teñen unha dobre dificultade tanto a nivel persoal como laboral na sociedade.
Durante o Consello da Muller comezáronse a trazar os posibles actos que se realizarán para conmemorar o 8M, pero aínda están en proceso de desenvolvemento e, sobre todo, moi vencellados a como evolucione a situación sanitaria.
Como todos os anos, designarase a un colectivo específico das mulleres para renderlle homenaxe neste día, pero aínda está pendente de concretar.