Marín desquítase da choiva cun Entroido multitudinario

Marín
02 de marzo 2026

Con premios, música e moita imaxinación, Marín pechou un desfile que a choiva deixara en suspenso, pero que finalmente atopou o seu momento para brillar

Desfile de Entroido de Marín
Desfile de Entroido de Marín / Concello de Marín

Tras o obrigado parón do 15 de febreiro por culpa da choiva, o Entroido puido por fin despregar todo o seu colorido este domingo en Marín.

A vila botouse á rúa nunha tarde que arrincou coa concentración de participantes na Praza do Regueiro e que, puntual ao cinco, deu o pistoletazo de saída a un dos desfiles máis esperados do calendario festivo.

O percorrido converteu o centro urbano nun río de disfraces e música. Desde a avenida de Ourense até a Praza de España, e pasando despois por Almuíña, Jaime Janer e Concepción Areal, comparsas, grupos e participantes individuais desfilaron ante un público entregado que compensou con aplausos a espera de dúas semanas. O remate tivo lugar no Parque Eguren, final da festa e escenario da entrega de premios.

Máis de 11.000 euros en premios repartíronse nunha edición que volveu apostar por incentivar a participación en todas as categorías.

En comparsas, o primeiro premio, dotado con 1.300 euros, foi para Os Solfamidas, seguidos por Las Flores del Carnaval e As Sonecas. Tamén subiron ao cadro de honra Os 100 Tolos, Os Retrincos, Miúdos, Alegría de Bora e Tinta Femia,,mentres que Os do Pincel recibiron premio por participar.

Na categoría de grupos, A Pandilla alzouse co primeiro posto, por diante de Os Remolóns e Galo Bruxo Samieira. Cor Café, Moreira a tope, As Toxiñas, Mulleres Rurais, Os Laretas, Imos Xogar e Nin tanto nin tan pouco completaron a clasificación, con mencións por participación para JLO e os Pitbull, Os 3 mundos de Johnny Depp, Mercanorte, Pintamonas e As Marinquiñas.

O apartado de parellas premiou á Chocolataría co primeiro posto, seguida de Barredora Urbanitas e Os Vacunantes.

En individual, o xurado distinguiu á Máquina do tempo como mellor disfrace, con Úrsula en segundo lugar e Garabullo, Espírito do carballo, en terceira posición.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora