Marín prepárase para vivir a edición máis ambiciosa da súa Festa Corsaria

Marín
11 de agosto 2025

En canto á autorización de mesas para comidas e ceas, tamén será unha edición récord, con 60 peticións autorizadas

Presentación da Festa Corsaria Concello de Marín

Un espectáculo corsario desembarcou este luns na Alameda Rosalía de Castro onde os espectáculos aéreos e o lume foron os protagonistas para promocionar unha nova edición da Festa Corsaria, que encherá as rúas e prazas de Marín durante o venres 15 e o sábado 16 de agosto.

A presentación tivo lugar ás 12.00 horas e nela participaron os nenos dos campamentos de conciliación, as asociacións vinculadas coa festa e as autoridades, entre as que estaban a alcaldesa, María Ramallo; os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, xa que se trata dun evento financiado a través dunha das liñas do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Esta será "unha das edicións máis ambiciosas de todas", declarou a alcaldesa, "xa que contamos cunha programación completísima, de todo o día, e que permitirá desfrutar desta festa a todas as persoas, de distintas idades".

Ademais, en canto á autorización de mesas para comidas e ceas, tamén será unha edición récord, con 60 peticións autorizadas.

A alcaldesa tamén quixo poñer de relevo e agradecer a implicación das asociacións que forman parte da programación "así como a aportación económica da Deputación, que nos permite facer cada vez a festa máis grande". 

Por outro lado, a Policía Local informa de que será habilitado nunha zona do interior do Porto un aparcadoiro exclusivo para as persoas que teñen garaxes que se ven afectados pola limitación da festa. O parking terá o seguinte horario: venres, de 15.00 a 23.00 horas; sábado, de 10.00 a 01.00 horas e domingo de 10.00 a 15.00 horas. Para poder ter a acreditación de acceso, será preciso pasar pola Policía Local a recollela.

A programación comeza este venres, 15 de agosto, ás 19.00 horas coa apertura do Mercado Corsario na Alameda e tamén das atraccións infantís nese mesmo espazo e na Praza 8 de Marzo e Parque Eguren.

Haberá animación de Litore Lux polas rúas de Marín e pasarrúas musical con Kaltee e Gaeloc. Ás dez da noite comezará o desfile e arribada da bandeira inglesa e ás 22.30 horas será o concerto de Son das Tabernas, na Alameda.

Xa o sábado, 16 de agosto, comeza a xornada ás 11.00 horas cos pregoeiros e fanfarrias do século XVIII, o Mercado Corsario, as atraccións infantís e a apertura das bases mariñas: Barco Corsario Gago de Mendoza (Jaime Janer, fronte a Abanca) e Barco Inglés (Ezequiel Massoni, xunto ao Parque Eguren).

Tamén haberá unha Granxa Escola na rúa Augusto Miranda e demostración de oficios mariñeiros na Praza do Peirao Vello (Museo), Rúa do Sol, Praza 8 de Marzo, Praza da Veiguiña, Méndez Núñez (detrás do Concello). Ademáis de obradoiros de esgrima, no Parque Eguren, de tiro con arco, na Avenida de Ourense e exhibición de aves.

Non faltará a animación de rúa, con Batucada Axé Bahía, Batucada Maracumbé, Charanga Noroeste, Charanga Jalácticos, Batucada ADR, Batucada Rebumbio, Animación Litore Lux, Kaltee e Gaeloc. 

A programación da festa tamén inclúe xogos tradicionais, actuación do Fakir Testa, bailes, un concerto de Leirabuxo e outro de Belle Pop, e teatro antes de rematar ás 23.00 horas co espectáculo Mil e Unha Noites e a tirada de fogos de artificio na Praza de España. Dende a media noite e ata ben entrada a madrugada haberá animación musical con DJs.