Os areais de Marín xa teñen izadas as súas Bandeiras Azuis. Este mércores, a alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Cristina Acuña e Manuel Santos e do persoal de socorrismo de Mogor elevaron o pano azul que distingue a calidade medio ambiental dos areais.
Ademais da calidade da auga, a Asociación de Educación Ambiental e o Consumidor (ADEAC), entidade responsable da Bandeira Azul en praias e portos de España, tamén premia outras cuestións relativas á boa saúde das praias e aos servizos que se prestan, como o balizamento, o socorrismo, as duchas e lavapés, a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida...
Con esta distinción, remárcase que todas as praias da vila contan con todos eses servizos dispoñibles e dotan de novos, como por exemplo a nova área de sombra para persoas con mobilidade reducida que se habilitou en Portocelo.
Por outra banda, xa están habilitadas as parcelas de aparcadoiro públicas na contorna das praias para aumentar a dotación de espazo onde deixar o coche.