Marín lanza un plan de adestramento para o confinamento

Marín
08 de maio 2020

As canles de redes sociais e na páxina web do Concello ofrecerán vídeos con rutinas de adestramento adaptados para todos os públicos elaborados por Raquel  Carragal

Xogos biosaudables no parque infantil de San Xulián

Co obxectivo de animar a todos os veciños a manterse activos, a Concellería de Deportes do Concello de Marín lanza un programa de actividade física saudable en casa co que evitar o sedentarismo a través dun movemento controlado, pautado e seguro.

O plan consiste na publicación na web do Concello e as súas redes sociais de vídeos nos que a educadora física deportiva Raquel Carragal, de Alaia Saúde, dirixirá unha serie de rutinas, “que recomendamos realizar entre dúas e tres veces por semana, durante polo menos 30 minutos”, puntualizan desde o goberno local.

Para adaptalo a todos os públicos, os usuarios poderán elixir entre dúas rutinas deseñadas para diferentes niveis de intensidade. No vídeo de presentación, a educadora deportiva asegura que é fundamental adestrar pensando “na calidade antes que na cantidade, escoitando ao noso corpo e sen sentir dor, porque ese non é o obxectivo”.

Cada día subirán unha rutina nova ata un total de once sesións. Todas poderán consultarse na canle de Youtube do Concello.