Marín repartirá case 20.000 euros nos premios dos seus dous desfiles de Entroido

Marín
13 de xaneiro 2026
Actualizado: 21 de xaneiro

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, reuniuse nos últimos días coas entidades e asociacións participantes para ultimar detalles dos desfiles

Desfile adulto de Entroido 2025 de Marín
Desfile adulto de Entroido 2025 de Marín / Cristina Saiz

O Concello de Marín xa está a traballar na organización do Entroido. As datas están marcadas no calendario e os motores da festa xa quentan para unha das celebracións máis esperadas do ano, que se desenvolverá do 13 ao 18 de febreiro cunha programación chea de cor, música e moita troula.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, reuniuse estes días coas entidades e asociacións participantes para ultimar detalles, coordinar a organización e dar luz verde ás bases que regulan a participación nos tradicionais desfiles, tanto infantís como de adultos.

O primeiro gran evento chegará o sábado 14 de febreiro coa celebración do desfile infantil, que comezará ás 16.30 horas. Media hora antes abrirase o prazo de inscrición na Alameda, diante do Palco da Música.

Os máis pequenos percorrerán o itinerario habitual, desde a Rúa Real ata o Parque Eguren, pasando pola Praza do Reloxo, a Rúa do Sol e Concepción Arenal, onde lles agarda unha gran festa pensada especialmente para eles.

Poderán participar nenos e nenas nados a partir de 2012, é dicir, menores de 14 anos. As persoas adultas poderán acompañalos, sempre disfrazadas, cun máximo dun adulto por cada catro cativos. O xurado terá en conta aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a actitude, o ritmo e a animación.

Reunión preparatoria do Entroido de Marín
Reunión preparatoria do Entroido de MarínConcello de Marín

En xogo haberá 16 premios repartidos entre categorías individuais, parellas, grupos e comparsas, cun total de 1.860 euros.

O domingo 15 de febreiro será a quenda do desfile de adultos, que arrancará ás 17.00 horas desde a Praza do Regueiro, con concentración media hora antes.

O percorrido atravesará a Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal, para rematar no Parque Eguren.

Alí, o xurado anunciará os gañadores, premiando non só os mellores disfraces, senón tamén a capacidade de transmitir alegría, ritmo e espírito entroidesco ao longo do desfile.

Nesta xornada repartiranse premios en categorías individuais, de parellas, grupos e comparsas, cun total de 11.375 euros. Ademais, as comparsas e grupos que non resulten premiados poderán optar a axudas económicas de 100 e 75 euros, respectivamente.

A maiores, o Concello destina 6.500 euros en retribucións fixas para as comparsas participantes, segundo o número de integrantes e a súa presenza nos desfiles infantil e adulto.

Iso si, só poderán beneficiarse destas contías as primeiras 20 comparsas inscritas.

Toda a información detallada sobre requisitos, categorías e criterios de valoración pode consultarse nas bases publicadas na web municipal. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en