Marín renova a colaboración entre as policías Nacional e Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

Marín
22 de decembro 2020

A renovación asinouse este martes despois dunha Xunta Local de Seguridade extraordinaria presidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Tamén asinaron a alcaldesa da localidade, María Ramallo, e a comisaria da Policía Nacional en Pontevedra, Estíbaliz Palma

Renovación do protocolo entre as policías Nacional e Local de Marín para a protección de vítimas de violencia de xénero Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O Concello de Marín acaba de renovar o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero VioXén. Na actualidade hai neste municipio 33 vítimas con protección dentro deste sistema.

A renovación asinouse este martes despois dunha Xunta Local de Seguridade extraordinaria presidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Tamén asinaron a alcaldesa da localidade, María Ramallo, e a comisaria da Policía Nacional en Pontevedra, Estíbaliz Palma.

Segundo informou a Subdelegación do Goberno, Marín é o segundo concello da provincia que procede á renovación deste protocolo, despois de Salceda de Caselas.

Este novo documento é necesario para permanecer dentro do sistema Vioxén e recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas. 

Maica Larriba felicitou a todas as partes implicadas polo novo acordo, "imprescindible" para que as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan colaborar, compartir información e traballar coordinadamente, optimizando os seus recursos e garantindo o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero. 

O novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos á protección das vítimas. 

O Sistema de Seguimento Integral VioXén ten actualmente na provincia 1.109 casos activos de violencia de xénero. Delas, sete son menores de 18 anos; 280 teñen entre 18 e 30 anos; 490, entre 31 e 45 anos; 294, entre 46 a 64 anos; e 38, 65 anos ou máis.

En Pontevedra hai doce concellos adheridos a este sistema: Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.