As persoas con mobilidade reducida terán dúas parcelas reservadas na liña dianteira para asistir á proba piloto das verbenas que terá lugar este sábado en Marín.
Na Praza de España, a partir das 21 horas do sábado, actuará a Orquestra Marbella e aquelas persoas con discapacidade que teñan interese en asistir á actuación poderán reservar as súas entradas entre este xoves e venres no Museo Manuel Torres ou a través do teléfono 98689 11 86. Poderán retirar un pase adicional para un acompañante.
O resto de entradas foron reservadas xa durante o primeiro día que se puxeron ao dispor da cidadanía. Con esta proba piloto, que permitirá gozar da actuación da Orquestra Marbella desde as 21 ata as 23.00 horas, quere probarse a posibilidade de retomar as verbenas durante o verán de maneira segura.
Para evitar aglomeracións, abriranse as portas do recinto unha hora e media antes da actuación. É obrigatorio acceder con entrada para calquera persoa, mesmo bebés, e estará prohibido comer, beber e fumar.
Os traballos de montaxe do escenario e o público comezarán o venres pola tarde, polo que será preciso desaloxar todos os coches do aparcamento ese día antes das 15 horas.