Marín ultima o proxecto de mellora e posta en valor do Lago de Castiñeiras

Marín
04 de novembro 2023

Actuarase fundamentalmente no entorno do lago e no acceso, co obxectivo principal de mellorar a mobilidade na zona

Lagoa de Castiñeiras PontevedraViva

O Concello de Marín avanzou este sábado os primeiros detalles do proxecto que ultima para mellorar e poñer en valor o Lago de Castiñeiras, un dos espazos naturais máis valorados do municipio, e que se incluíu dentro do plan de sustentabilidade turística financiado con Fondos Europeos-NextGeneration.

Asegura o goberno local que a actuación se centrará principalmente na reordenación do acceso e o espazo lindeiro ao propio lago, que actualmente é ocupado por vehículos e non axuda a gozar do enclave.

Está previsto traballar en distintas zonas para mellorar a accesibilidade e mobilidad segura para as persoas, creando itinerarios seguros para os peóns.

Unha desas zonas é a principal do lago, no centro do espazo, onde se prevé crear dous espazos separadas por un muro de pedra no que as persoas poderán sentar a descansar e que servirá como protección fronte ao tráfico. Á súa vez, o pavimento da zona peonil diferenciarase da estrada e dará continuidade aos sendeiros.

Tamén se mellorará o pavimento do paseo que hai diante do lago e instalaranse bancos na zona central, e a subida entre o lago e o aparcamento converterase nun sendeiro con espazo separado para peóns e tráfico rodado.

Segundo sinala o Concello de Marín crearase ademais unha zona de aparcamento específica e aproveitando a pendente natural do terreo habilitarase unha especie de auditorio ao aire libre con bancada de pedra.

Por último nunha zona próxima ao lago a idea é habilitar unha nova estancia con mesas e bancosa para goce dos visitantes.