Este martes, o Concello de Marín celebrou unha Comisión Extraordinaria de Medio Ambiente na que o goberno local compartiu co resto de partidos a proposta para adxudicar á empresa Urbaser o novo contrato de xestión de residuos urbanos, que suporá un investimento de 17 millóns de euros ao longo dos próximos 10 anos.
Este novo contrato, no que o Concello leva traballando máis dun ano, promete un salto de calidade respecto ao actual. Ademais de incrementar a capacidade de recollida, inclúe melloras significativas como a implantación do colector marrón para residuos orgánicos e un aumento salarial para o persoal do servizo.
A tramitación do contrato foi complexa. Elaboráronse pregos técnicos detallados, precedidos dun estudo de custos, e todos os pasos pasaron polo Pleno municipal debido á alta contía do proxecto. En total, recibíronse 8 ofertas para o lote 1 (recollida de residuos urbanos) e 3 para o lote 2 (recollida de residuos téxtiles, reservado a entidades sociais como centros especiais de emprego ou empresas de inserción).
Tras avaliar as propostas, a Mesa de Contratación propuxo adxudicar o lote 1 a Urbaser, por un importe anual de 1.633.368 euros, e o lote 2 á empresa Arroupa. Esta proposta someterase a votación nun Pleno Extraordinario que terá lugar o venres 24 de outubro ás 13:30 horas. Si se aproba, pedirase ás empresas a documentación necesaria, e, tras a súa validación, o contrato volverá ao Pleno para a súa adxudicación definitiva.
Entre as melloras máis destacadas que contempla o novo contrato atópase un incremento do 35% na capacidade de recollida de residuos, que alcanzará case 4 millóns de litros entre todos os colectores.
Tamén se incorporará o colector marrón nas illas de reciclaxe, o que permitirá separar os residuos orgánicos e avanzar cara a unha recollida máis selectiva e respectuosa co medio ambiente.
Ademais, se implementará un Punto Limpo Móbil, que percorrerá diferentes zonas do municipio facilitando a reciclaxe de residuos especiais como pilas, móbiles, cápsulas de café, cartuchos de tinta, entre outros.
Tamén se instalarán tres novos colectores de gran capacidade (30 m³) destinados ás brigadas municipais e garantirase o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.
En canto ao servizo, Urbaser propuxo ampliar tanto o número de colectores como os horarios de recollida, incluíndo os domingos no centro urbano, o que sen dúbida suporá unha mellora notable para a cidadanía.
Un dos aspectos máis sensibles do novo contrato ten que ver coas condicións laborais do persoal. A concesión implicará a subrogación dos actuais 14 traballadores a tempo completo e un a media xornada, pero tamén incorpora un incremento salarial do 22% respecto das táboas de 2019.
A concelleira de Medio Ambiente explicou que os soldos actuais están por baixo do salario mínimo e da media en municipios similares, debido á falta de negociación desde hai anos. Aínda que esta mellora salarial conta con informes negativos de Secretaría e Intervención, o Goberno local defende a súa inclusión como unha cuestión de xustiza social, e por iso estableceuna como unha condición de especial execución no contrato.