A diferenza do que ocorreu noutras comunidades, Galicia segue sen recuperar "en absoluto", segundo o goberno galego, as limitacións impostas pola covid-19 nos servizos de mobilidade ferroviaria. É dicir, hai menos trens.
A este respecto, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, expresou en Pontevedra a "máxima preocupación" que existe en Galicia ante o recorte nas frecuencias dos trens que unen entre si ás principais cidades galegas e a toda a comunidade con Madrid.
"Témonos dirixido a Renfe continuamente. As evasivas son constantes e non tivemos resposta", dixo a responsable de mobilidade no goberno galego, que reiterou a "oposición frontal" da Xunta á política ferroviaria de Renfe e o Ministerio de Transportes.
Este recorte nas prestacións dos trens en Galicia está "a limitar de maneira substancial", segundo a conselleira, "o dereito de miles de galegos para acudir ao seu traballo, para ir á universidade e, para en definitiva, facer o seu día a día".
Tras esixir ao ministerio unha "rectificación" sobre a oferta ferroviaria na comunidade, Ethel Vázquez tamén criticou os plans de Renfe de unir Pontevedra con Madrid a través de Santiago e a nova liña de alta velocidade por Pedralba (Zamora).
Esta decisión, lamentou a titular de Infraestruturas, deixa fóra á cidade de Vigo das "melloras" que ofrecerá a alta velocidade "que agardemos chegue pronto a Galicia".
As restricións impostas por Renfe, insistiu Vázquez, "merman a mobilidade dos galegos", polo que esixe ás autoridades ferroviarias que respondan os requirimentos realizados pola Xunta de Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.