Media tonelada de alimentos, recollidos no desfile solidario #BarroFashion

Barro
27 de xaneiro 2019

O acto celebrouse nun Pazo da Crega cheo de público. A Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa establecía para o acceso ao recinto a entrega dun quilo ou dun litro de alimentos que van trasladarse a familias en situación de risco

Alimentos recolidos na #BarroFashion Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa

Novos deseñadores tanto de xoias como de moda acudiron á cita anual do desfile solidario #BarroFashion, organizado pola Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa, que se celebraba no Pazo da Crega do municipio de Barro durante a noite deste sábado.

Nesta ocasión, o éxito de participación permitiu recadar media tonelada de alimentos para os servizos sociais do Concello, que serán trasladados a familias en situación de risco. 

Para acceder a esta cita solidaria era necesario entregar un quilo ou un litro de alimentos. Ademais, nesta edición tamén participou a Taponeta Solidaria, unha iniciativa de Enrique Magdalena para recoller tapóns e axudar a menores que sofren distintas enfermidades con necesidade de tratamentos custosos.

Numerosas tendas de Barro e da súa contorna participaron nesta proposta na que non faltou a música nin a danza contemporánea.