Medran as persoas que conducen sen carné, a maioría porque perderon todos os puntos

Pontevedra
12 de marzo 2023

 Durante o ano 2022, a Policía Local de Pontevedra instruíu 167 atestados coa denuncia de 189 delitos contra a seguridade viaria a 169 infractores. O segundo delito máis frecuente foi conducir sen ter carné, con 71 denuncias, o 38% do total. Durante a última década, tan só en 2017 houbo máis condutores que ían nun vehículo sen licencia 

Axente da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Os comportamentos infractores ao volante non adoitan quedar impunes, senón que, en moitas ocasións, acaban co condutor neglixente no xulgado. Durante o ano 2022, sucedeulle a 169 persoas localizadas pola Policía Local de Pontevedra cometendo irregularidades.

Segundo figura na memoria anual da Policía Local, este Corpo instruíu durante o ano pasado un total de 167 atestados coa denuncia de 189 delitos contra a seguridade viaria a 169 infractores.

O delito máis frecuente foi conducir baixo a influencia do alcol e as drogas, con 99 denuncias, o 53% do total, seguido por conducir sen ter carné vixente, que supuxo o 38% do total.

Así, durante o ano pasado os policías pontevedreses denunciaron 71 delitos por condución sen permiso ou licenza, dos que o máis habitual foi o de perder a vixencia do permiso. Foi o caso de 47 persoas, o 66 %.  

Ademais, 12 (o 17%) foron denunciados por condución dun vehículo tras ser privado do permiso ou licenza por decisión xudicial e 14 (outro 17%) non obtiveron nunca o permiso.  

En relación coa condución sen permiso, chama a atención que durante o ano 2022 medraron os delincuentes viarios nesta circunstancia. Así, os 71 delitos detectados pola Policía Local en 2022 foron 16 máis que os 55 do ano 2021 e 21 máis que os 50 de 2020.

Seguindo a evolución estatística da ultima década, desde o ano 2017 non había tantos condutores conducindo sen carné como en 2022. Aquel ano foran 83, 12 máis. 

Durante a última década, tan só en 2017 houbo máis condutores que ían nun vehículo carecendo de licencia que en 2022. No ano 2016 houbo os mesmos 71 e o resto dos anos foron menos.

RESTO DE DELITOS

Durante o ano 2022 a Policía Local tamén levou ante o xuíz a seis condutores por conducir de xeito temerario, o 3,2 % dos delitos contra a seguridade viaria. E outros 10 acabaron cunha denuncia penal por negarse a realizar as probas de alcol. Supuxeron o o 5,3 % do total.

A memoria policial tamén recolle que adoita darse a circunstancia de que o responsable dun delito contra a seguridade viaria cometa varias infraccións penais. En nove ocasións conducían bébedos e negáronse a realizar a proba.

En oito ocasións, conducían sen permiso e deron positivo en alcol ou drogas e en catro ocasións non tiñan permiso, negáronse a realizar a proba de alcol ou drogas e conducían de forma temeraria.

Un condutor mesmo foi denunciado por catro delitos ao mesmo tempo: conducía sen permiso, deu positivo en alcol ou drogas e tiña unha condución temeraria.