Meis contará con novas pistas de pádel e pickleball grazas a un investimento provincial

O Salnés
26 de febreiro 2026

Os traballos centraranse principalmente na construción das novas pistas, pero tamén na posta en valor da contorna

Visita aos terreos onde se construirán as pistas Deputación de Pontevedra

O deporte gaña terreo en Meis cun novo impulso económico da Deputación. O deputado provincial Javier Tourís visitou este xoves o pavillón municipal do Mosteiro para anunciar unha nova actuación que permitirá ampliar e modernizar as instalacións deportivas do municipio.

A institución provincial aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha achega de 104.572 euros destinada á construción dunha pista de pádel e outra de pickleball na contorna do pavillón.

Trátase da totalidade dos fondos que lle corresponden a Meis ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas impulsado pola Deputación de Pontevedra.

Este plan, dotado con 8 millóns de euros, está dirixido aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes co obxectivo de fomentar a creación de novos espazos deportivos e mellorar os xa existentes.

No caso de Meis, os traballos centraranse principalmente na construción das novas pistas, pero tamén na posta en valor da contorna.

O proxecto inclúe a preparación do terreo para un novo pavimento, a execución de muros de contención, a instalación da rede de pluviais e soleiras de formigón, así como a montaxe das propias pistas.

Ademais, acometerase a sinalización do espazo e o pintado de novas prazas de estacionamento, contribuíndo a unha mellor organización e humanización da zona.

O deputado destacou o compromiso da Deputación coa modernización das infraestruturas deportivas en toda a provincia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora