O 112 Emerxencias Galicia informaba do falecemento dun menor de 14 anos arredor das 17.30 horas da tarde deste xoves 21 de agosto no porto situado na praia de Aguete, no concello de Marín.
Segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias, testemuñas presenciais indicaron que o adolescente saltou desde peirao e, pouco despois, sacárono da auga inconsciente.
Nese momento, varias persoas presentes no areal chamaron ao 112 Galicia que activou o protocolo.
Ata o lugar trasladáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Policía Local e Policía Nacional, Autoridade Portuaria e o Grupo de Intervención Psicolóxica do COPGALICIA.
Ademais, segundo as mesmas testemuñas, achegáronse socorristas da praia próxima e comezaron a realizar as manobras de reanimación.
Malia os esforzos, nada puido facerse por salvar a vida do rapaz.
Co fin de proporcionar á familia a atención profesional necesaria, tamén se activou o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, GIPCE, do Colexio Profesional de Psicólogos de Galicia.
O 112 Galicia coordinou a intervención dos distintos servizos de emerxencia que acudiron ao porto de Aguete e están a investigarse todas as circunstancias relacionadas co desgraciado suceso.
O Concello de Marín expresou o seu sincero pésame a familiares e amigos. "Atopámonos consternados e en shock polo falecemento dun rapaz hoxe no peirao de Aguete. Unha nova triste e desoladora, que se suma ao pesar do ocorrido a outro rapaz da nosa vila hai pouco en Pontevedra".