Pontevedra xa entrou de cheo nas súas Festas de Verán. Fíxoo coa celebración do San Benitiño que, como é habitual nos últimos anos, contou cunha vertente relixiosa e outra moito máis popular, impulsada polo Concello na contorna da praia fluvial.
Centos de persoas achegáronse ata os salóns do Lérez para gozar desta romaría popular, aproveitando o bo tempo desta xornada festiva.
O principal atractivo desta celebración foi a mexillonada popular que se ofreceu ao mediodía e que, como sempre, esgotou existencias en pouco tempo.
A romaría estivo, ademais, amenizada pola música de varias agrupacións de música tradicional como os Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres, Xoldra e as Pandereteiras de Verducido.
A festa concluirá esta noite, a partir das dez da noite, cunha verbena no adro do mosteiro de Lérez.