A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo, coordina unha rede científica chamada "Conexión Recursos Xenéticos" (REGEN). Esta iniciativa forma parte dun conxunto de 15 redes impulsadas desde 2023 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), baixo o programa "Conexións CSIC".
Estas redes buscan unir a investigadores de diferentes centros para colaborar en temas científicos actuais e prioritarios. Ademais, contan co apoio da Vicepresidencia de Investigación Científica e Técnica (VICYT) do CSIC.
REGEN está coordinada por dous científicos do CSIC. Eses son Pedro Revilla Temiño, experto en xenética de millo na MBG e Delphine Grivet, do Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR).
Máis de 170 investigadores de toda España participan nesta rede, procedentes de centros do CSIC, universidades e diferentes organismos públicos.
España é un dos países con maior biodiversidade en Europa e posúe unha gran variedade de recursos xenéticos (é dicir, plantas, animais e outros organismos con valor agrícola, forestal ou científico).
Con todo, estas coleccións están repartidas por diferentes institucións e administracións, o que fai a súa xestión bastante complexa. REGEN nace para coordinar esforzos, compartir información e facilitar o traballo conxunto dos expertos que traballan neste campo.
A rede ten entre os seus obxectivos: unir a actividade científica relacionada con recursos xenéticos (acuáticos, agrícolas, forestais e gandeiros), conservar e usar mellor estes recursos, mellorar a súa adaptación ao cambio climático e formar a novos profesionais de forma multidisciplinar.
Ademais, REGEN organízase en varios grupos que traballan temas clave como a colaboración coas administracións, o impacto en políticas públicas, a atracción de talento ou a proxección internacional.
Nesta primeira fase, están a identificar todas as coleccións de recursos xenéticos que existen en España. Tamén están a recompilar información sobre quen as xestiona, que material conteñen, como se conservan e que problemas existen.
Tota esta información está a ser usada para crear protocolos, documentos científicos e desenvolver novas tecnoloxías. Ademais están a preparar un libro de divulgación para explicar á sociedade que son os recursos xenéticos e por que son tan valiosos. Mentres tanto seguen formando a mozos científicos e compartindo este coñecemento con administracións e posibles usuarios
REGEN quere que o CSIC se converta nun referente nacional e internacional en conservación e xestión de recursos xenéticos. Tamén busca que este coñecemento sirva para apoiar políticas públicas e conservar este valioso patrimonio biolóxico que pertence a toda a sociedade.