O consumo de tabaco tradicional está a diminuír en Galicia, pero unha nova ameaza está a gañar terreo entre a poboación máis nova: os cigarros electrónicos e os vapeadores.
Este dato é o principal motivo de preocupación que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), quere destacar con motivo do Día Mundial sen Tabaco 2025, que se celebra este sábado 31 de maio.
Baixo o lema "Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto", a campaña deste ano busca expoñer as estratexias comerciais que utilizan as empresas tabaqueiras para atraer especialmente á xuventude, mediante o uso de sabores intensos, empaquetados coloridos e campañas de márketing agresivas.
Os datos son alarmantes: segundo a Enquisa Estatal sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios (ESTUDES 2023), o 38,1% dos mozos galegos de 14 a 18 anos utilizou cigarros electrónicos algunha vez, mentres que o 23,2% fumou tabaco convencional no último mes.
No ámbito estatal, a Enquisa IDADES 2024 revela que o consumo de cigarros electrónicos aumentou considerablemente, pasando do 10,5% en 2020 ao 19% en 2024 na poboación de 15 a 64 anos, sendo o grupo de 15 a 24 anos o de maior prevalencia.
Para concienciar á poboación sobre esta problemática, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés instalará este venres 30 mesas informativas nos hospitais Montecelo, Provincial e O Salnés, así como en dez centros de Atención Primaria: A Parda, Virxe Peregrina, Lérez, Anafans-Poio, Bueu, Marín, Baltar-Portonovo, O Grove, Caldas de Reis e Vilaboa.
Nestas mesas, o persoal sanitario e o voluntariado da AECC proporcionarán información sobre os riscos do consumo de tabaco e animarán os fumadores a abandonar este hábito.
A doutora Guadalupe Valladares, pneumóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, destaca que "desde o sistema sanitario público imos continuar coas campañas de prevención e concienciación sobre os riscos asociados ao consumo de tabaco e cigarros electrónicos, especialmente entre a poboación nova".
A especialista lembra que o tabaquismo xa se cataloga como unha enfermidade crónica adictiva que comeza na infancia, posto que os primeiros consumos inícianse ao redor dos 10 anos, cunha media de inicio aos 14,1 anos.

Os profesionais sanitarios advirten que o tabaco é a primeira causa evitable de enfermidade, invalidez e morte. En Europa causa cada ano 1,2 millóns de mortes e máis de 50.000 en España, preto de 3.000 deles en Galicia, unha cifra superior á suma de falecementos por accidentes de tráfico e consumo de drogas ilegais.
Ademais, o tabaco é responsable de máis do 90% dos casos de enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC) -que afecta ao 11% da poboación-, do 95% dos casos de cancro de pulmón, do 50% das mortes por enfermidades cardiovasculares e está directamente relacionado con outras múltiples patoloxías.
Aínda que en Galicia observouse unha diminución no consumo diario de cigarros tradicionais entre a poboación de 15 a 64 anos, situándose nun 25,2% (fronte ao terzo da poboación de anos anteriores), a rápida extensión dos novos dispositivos de nicotina entre os adolescentes está a xerar preocupación nos ámbitos sanitarios.