Xa te podes apuntar na sétima edición da 'Marcha contra o cancro' en Pontevedra

Pontevedra
22 de maio 2025

As inscricións desta proba non competitiva e apta para todos os públicos, que será o 5 de outubro, poderanse formalizar de maneira presencial na sede da entidade ou a través da web

Marcha contra o cancro 2024
Marcha contra o cancro 2024 / Cristina Saiz

A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra abre oficialmente as inscricións para a sétima edición da súa Marcha Contra o Cancro, que se celebrará o próximo 5 de outubro ás 10:30 horas.

A saída será na Praza de España e márcase, un ano máis, o seu reto máis ansiado: alcanzar o 70% de supervivencia en cancro no ano 2030.

Este evento solidario ten como obxectivo recadar fondos e concienciar á sociedade sobre a importancia da loita contra o cancro.

A marcha é apta para todos os públicos e mascotas, o que a converte nunha oportunidade única para que toda a familia, amigos e animais poidan participar e demostrar o seu apoio aos afectados por esta enfermidade.

A presidenta provincial da entidade, Ana García, animou a toda a cidadanía a sumarse a esta causa e "vivir unha xornada de solidariedade e esperanza".

"Cada paso que damos é unha oportunidade para avanzar cara á investigación e o apoio a pacientes oncolóxicos/as e as súas familias", asegura.

As inscricións para esta proba, non competitiva, xa están abertas e poden realizarse a través do seguinte enlace ou de maneira presencial na sede da entidade, na rúa Eduardo Pondal, 64, baixo.

As persoas participantes poderán optar por realizar a súa inscrición con ou sen a camiseta oficial: os adultos a 10 e 6 euros, respectivamente e os nenos (de 4 a 16 anos), 7 e 3 euros. Os menores de tres anos poderán participar de balde (non inclúe camiseta).

Como na edición anterior, todas aquelas persoas participantes que asistan coas súas mascotas recibirán un agasallo para o seu fiel acompañante.

Os participantes recibirán o seu dorsal e unha camiseta conmemorativa da edición, ademais de ter acceso a varios servizos durante a marcha. Ao finalizar, haberá actividades de concienciación e entretemento para todos os asistentes.