Moción do PP para pedir explicacións sobre as "avarías constantes" na rede de augas da Caeira

Poio
28 de decembro 2021

Ángel Moldes, portavoz do PP local, trasladará ao pleno as denuncias da veciñanza da Caeira polas roturas da rede de abastecemento nas rúas río Miño e San Antoniño. Alerta doutros problemas similares en Boavista, a Avenida San Xoán e Lourido, ademais de ausencia absoluta de auga en zonas como Fragamoreira ou Vilariño

Rotura da rede de abastecemento de augas na Caeira
Rotura da rede de abastecemento de augas na Caeira / Partido Popular de Poio

Ángel Moldes, portavoz local do PP, e a concelleira Rocío Cochón visitaron este martes as rúas Río Miño e San Antoniño, na Caeira. O motivo da visita atopábase nas últimas roturas da rede de subministración de auga nunha zona de apenas cen metros.

Os representantes do PP anunciaron a presentación dunha moción no próximo pleno para trasladar a preocupación veciñal e esixir unha solución definitiva que se rexistra na Caeira coa rede de augas, que sofre "avarías constantes" ao longo deste último ano. A esta situación suman outros problemas similares en zonas como Boavista, a Avenida de San Xoán e Lourido. Tamén denuncian que en puntos como Fragamoreira ou Vilariño existe unha ausencia absoluta de auga.

O portavoz da oposición demanda ao goberno local unha solución ao entender que en Poio está a "pagarse a auga máis cara da comarca" e, con todo, hai numerosos "veciños de Poio que non se poden duchar polas mañás, ter auga para facer a comida, sufran cortes e avarías constantes ou directamente non teñan auga nin saneamento nas súas casas".

Reclama ao goberno do BNG, PSOE e  Avante Poio unha explicación sobre o motivo que leva a non aprobar un novo contrato da auga cando o actual atópase caducado desde 2017 e suma xa cinco prórrogas. O representante popular entende que con este contrato poderíanse resolver eses problemas pero sospeita que detrás desta falta de acción por parte do goberno local escóndese "outra subida de impostos".