Turismo Rías Baixas quere dar un "paso adiante" na súa promoción. Así o explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación da nova campaña dun destino no que "témolo todo", dixo, e co que hai que facer un esforzo para "saír a contalo" para incrementar o número de turistas que nos visitan cada ano.
Os camiños de peregrinación a Santiago que pasan por Pontevedra, os Festivais Rías Baixas, o enoturismo e a excelencia das empresas turísticas serán os catro eixos dunha ambiciosa campaña de promoción que, baixo o lema "Moito por descubrir", continúa coa estratexia iniciada o pasado ano de "rachar co binomio" entre praia e gastronomía.
Carmela Silva explicou que Rías Baixas se marcou como obxectivo "buscar fórmulas" para desestacionalizar o turismo, apostando por campañas "novidosas e diferentes" que buscan poñer en valor o territorio a través de canles "máis modernas e de vangarda".
A imaxe promocional serán as matrioskas. Estas bonecas rusas, que encaixan unhas dentro doutras, segundo Silva, transmiten unha mensaxe de "amizade, acollida e descubrimento" e crearán unha gran expectativa sobre o que se pode descubrir nas Rías Baixas, é dicir, "lugares e experiencias inesquecibles nunha terra que acolle con agarimo a todo quen nos visita".
A través delas, engadiu, mostraranse as "infinitas" razóns que existen para visitar as Rías Baixas, "un só destino pero con moitas razón para visitalo".
Nesta ocasión, Turismo Rías Baixas centrará a súa acción promocional en catro destes motivos. Trátase de "activos culturais" que teñen un "grande impacto" e grazas aos cales se espera incrementar a chegada de turistas que, o pasado verán, chegaron a 2,1 millóns de persoas e que, maioritariamente, visitaron a provincia pola súa oferta cultural e de lecer.
Así, as Rías Baixas primarán a promoción das seis rutas de peregrinación a Santiago que atravesan un total de 33 concellos da provincia de Pontevedra e polas que, en 2016, pasaron preto de 65.000 persoas.
Tamén se reforza a aposta polos Festivais Rías Baixas, unha marca que engloba a oito festivais de música e tendencias urbanas que se celebran na Illa de Arousa, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Nigrán, Vigo e Bueu. A eles sumarase un evento especial en Cambados, para festexar a súa elección como Cidade Europea do Viño 2017.
Todos eles xeraron o pasado ano un impacto económico de preto de 15 millóns de euros, crearon 1.500 postos de traballo e contaron cunha asistencia de máis de 200.000 persoas.
O enoturismo será outro dos eixos nos que descansará esta campaña de promoción. Carmela Silva lembrou que 29 municipios de Pontevedra teñen cultivos e actividade vitivinícola baixo a denominación de orixe Rías Baixas. Neles conxúgase, dixo, a tradición coa innovación en novas liñas de negocio como a estética ou produtos doces.
O último destes grandes ámbitos estará centrado na calidade turística. Silva explicou que máis de douscentos establecementos contan xa co dispositivo de calidade SICTED, un número que contan con ampliar nos próximos meses.
Todo este traballo "de pouco valería", lembrou a presidenta da Deputación, sen un "maior esforzo" por achegar o destino Rías Baixas a mercados que resulten interesantes. Así, explicou que se organizarán actos en Vigo, Madrid, Lisboa e Porto nas próximas semanas. Ademais, coordinaranse outros eventos coas Casas de Galicia repartidas no estranxeiro para atraer un maior número de turistas internacionais.