Mollabao Sí! solicita unha serie de melloras de accesibilidade ao proxecto de reforma de Rosalía de Castro

Pontevedra
03 de febreiro 2021

Representantes da asociación Mollabao Si mantiñan este martes un encontro telemático co concelleiro de Obras Demetrio Gómez para analizar o proxecto previsto polo goberno local para a rúa Rosalía de Castro. Desde o colectivo consideran que se trata de un proxecto "moi interesante"

Proxecto de reforma de Rosalía de Castro (tramo 3) Concello de Pontevedra

Tanto o concelleiro de Obras Demetrio Gómez como Juan  Saenz-Dez Malvar, representante veciñal da asociación  Mollabao Si!, consideran positivo o encontro telemático mantido durante as últimas horas para analizar o proxecto de reforma da rúa Rosalía de Castro, que nunha parte importante afecta o barrio de  Mollavao.

Segundo manifestaba este mércores demetrio Gómez, o colectivo veciñal realizou algunhas achegas ao proxecto elaborado polos técnicos, entre elas solicitaron solicita que a zona verde prevista nese punto se eleve ata o nivel da rúa Rosalía de Castro e que na marxe de enfronte se amplíe a beirarrúa cubrindo o regacho que hai a carón.

Saenz-Diez Malvar tamén pedía a inclusión neste proxecto da reforma de todas as rúas perpendiculares a Rosalía de Castro. Demetrio Gómez indica que está prevista a reordenación da rúa Simón Bolívar ata a Casa do Mar e que neste proxecto, en principio, non se contemplan actuacións adicionais. O concelleiro lembraba que, en todo caso, esta iniciativa céntrase na reforma da rúa Rosalía de Castro e non de todo o barrio.

Pola súa banda, a través de redes sociais, o colectivo veciñal considera que é un proxecto "moi interesante e que vai cambiar en gran medida o aspecto do noso barrio". 

Tras esta toma de contacto inicial esperan volver manter un novo encontro para achegar novas suxerencias que melloren este proxecto e Mollabao Si! anima á veciñanza a trasladar propostas para presentarllas ao Concello de Pontevedra. Lembran que a reforma non chegará nesta fase a "todos os recunchos" do barrio pero esas melloras obteranse máis adiante. Solicitan que as persoas que queiran realizar achegas envíenas a mollabaosi@gmail.com