Montecelo estrea unha unidade de rehabilitación cardíaca

Pontevedra
18 de marzo 2021

A colaboración entre varios servizos sanitarios, Cardioloxía, Medicina Física e Rehabilitación, permitiu crear no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha nova unidade de rehabilitación cardíaca, que prevé atender uns 200 pacientes cada ano

Nova unidade de rehabilitación cardíaca de Pontevedra Servizo Galego de Saúde

A colaboración entre varios servizos sanitarios, Cardioloxía, Medicina Física e Rehabilitación, permitiu crear no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha nova unidade de rehabilitación cardíaca, que prevé atender uns 200 pacientes cada ano.

A unidade, situada no cuarto andar do hospital Montecelo, contará cun cadro profesional formado por un médico de Cardioloxía, un facultativo de Rehabilitación, dous técnicos de Fisioterapia e un efectivo de Enfermaría.

Os pacientes que sexan atendidos nela, unha media de dezaseis cada semana, previamente terá que superar unhas probas de ergometría e esforzo, sempre baixo a supervisión de persoal especializado da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

A doutora Teresa Jorge Mora, xefa de servizo de Medicina Física e Rehabilitación, explica que esta unidade busca que os doentes superen as secuelas físicas e psicolóxicas que lle provoca a súa situación, con pautas de actuación e hábitos saudables que reduzan os factores de risco.

Cuestións como a reincorporación laboral, o exercicio físico, a alimentación ou as relacións son problemas comúns aos que as persoas enfróntanse tras padecer un evento de saúde crítico e superalo, segundo a responsable sanitaria, será o obxectivo deste programa rehabilitador.

A xefa de servizo de Cardioloxía, a doutora Eva González Babarro, sinalou que a área sanitaria atende cada ano máis de 350 casos anuais de cardiopatías isquémicas, polo que a aportación da unidade de rehabilitación cardíaca "sen dúbida vai incrementar a calidade de vida dos nosos enfermos e colaborará a mellorar os prognósticos". 

Segundo os últimos estudos sobre a rehabilitación cardíaca, os casos de mortalidade por enfermidades do corazón diminúen entre un 20 e un 30 por cento levando a cabo estas técnicas específicas de rehabilitación, porcentaxe que se incrementa ata un 43% se o programa se cumpre na súa totalidade, non só no aspecto do exercicio físico.

Esta nova unidade de rehabilitación cardíaca contemplará tamén a medio prazo a atención para a recuperación doutros pacientes con insuficiencias cardíacas, cardiopatías conxénitas e doentes con dispositivos cardiolóxicos.