Os profesionais de Radiodiagnóstico do hospital Montecelo comezaron estes días a familiarizarse cun novo equipo de resonancia magnética de última xeración, de forma que se espera que en breve esta dotación poida estar operativa para a poboación da área sanitaria de Pontevedra e Salnés.
A incorporación deste equipo permitirá reducir a duración das resonancias magnéticas xa que mellora os tempos de preparación e colocación do paciente no tubo a través dun sistema de posición guiada sen contacto.
De igual forma esta proba será máis cómoda para os usuarios xa que dispón dunha "experiencia audiovisual envolvente" para tranquilizalos e guialos durante este exame clínico; dispón de maior diámetro no espazo circular no que se lles introduce, reduce o tempo das apneas e é menos sensible ao movemento do paciente.
Tecnoloxicamente ademais transmite por fibra óptica toda a información ao computador principal e inclúe ferramentas de intelixencia artificial que axudan na planificación, preparación, realización e redución de tempos, sendo máis preciso no diagnóstico. Inclúe tamén ferramentas de postprocesado para facilitar o traballo de información dos estudos radiolóxicos.
O investimento realizado polo Servizo Galego de Saúde supera o 1.100.000 euros e contou con financiamento do Plan Inveat (Plan de Investimento en Equipos de Alta Tecnoloxía) do Sistema Nacional de Saúde.