Moraña confina o módulo Forestal do Obradoiro de Emprego por un caso positivo e reabre as portas do consistorio

Umia
25 de xaneiro 2021

José Cela informa que decidiuse pechar esta actividade por prevención e mantense en funcionamento o módulo de Albanelería, xa que non houbo conexión sen máscara entre os alumnos de ambos

Casa consistorial do Concello de Moraña
Casa consistorial do Concello de Moraña / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, José Cela, vén de anunciar o confinamento do módulo Forestal do Obradoiro de Emprego Xóvenes, iniciado o pasado mes de novembro, tras detectarse un caso positivo entre os seus oito alumnos e aplicar o procotolo sanitario correspondente. É unha decisión compartida co Concello de Valga que tamén forma parte desta iniciativa formativa.

O rexedor de Moraña manifestou que "aínda que temos unhas medidas moi exhaustivas fronte á covid-19 no obradoiro e os alumnos sempre levan máscara, o certo é que tamén comparten momentos de asueto para tomar o café ou comer o bocadillo, polo que decidimos que este módulo peche durante uns días pola aparición dun caso positivo e ata que Sanidade faga as correspondentes probas. Por uns días non vai pasar nada e así garantimos que, se fora o caso, se corte a transmisión do coronavirus".

Ademais, José Cela aclarou que o módulo de Albanelería, que conta con outros oito participantes, vai seguir en funcionamento, xa que, tras facer os correspondentes rastrexos, comprobouse que non houbo conexión entre ambos sen máscara e as demais medidas sanitarias. "É a solución máis axeitada facendo un cumprimento máis que estrito do protocolo de Sanidade, porque todos os nosos esforzos e medidas están orientados a protexer a saúde dos veciños de Moraña", manifestou Cela.

Por outra banda, o alcalde anunciou tamén que este mesmo luns procédese á reapertura da Casa do Concello despois de que se pechara provisionalmente, só co atención na porta previa chamada telefónica, ante a aparición dun caso positivo nun traballador municipal externo. José Cela, que está gardando un confinamento preventivo no seu domicilio por un contacto estreito, explicou que aplicouse a normativa e o protocolo sanitario e "danse todas as condicións de seguridade para os traballadores e para a cidadanía, polo que reabrimos o consistorio".

En todo caso, e dada a incidencia e expansión da enfermidade en Moraña e en toda Galicia, o alcalde recomendou aos veciños que, durante as vindeiras semanas, só acudan en caso de trámites urxentes e imprescindibles, "xa que convén reducir a nosa interacción social para cortar a forte transmisión existente na actualidade".