Moraña mantén pechados os parques e retomará a feira quincenal de Santa Lucía

Umia
16 de xuño 2020

As áreas infantís e as instalacións deportivas ao aire libre de Moraña non abrirán ata a vindeira semana para reforzar as medidas de hixiene, de seguridade e informativas. Así o avanzou o Concello, que atrasará a setembro a apertura das instalacións cubertas

Parque infantil na carballeira de Santa Lucía
Parque infantil na carballeira de Santa Lucía / Concello de Moraña

As áreas infantís e as instalacións deportivas ao aire libre de Moraña non abrirán ata a vindeira semana para reforzar as medidas de hixiene, de seguridade e informativas. Así o avanzou o Concello, que atrasará a setembro a apertura das instalacións cubertas.

A primeira reanudación na actual nova normalidade será a posta en marcha do mercado quincenal de Santa Lucía este venres, dende primeira hora da mañá, no seu emprazamento habitual da explanada anexa ao Edificio Multiusos.

A feira, que non se celebra dende hai tres meses e medio xa que a súa derradeira edición foi o 6 de marzo, cumprirá estritamente co aforo do 75% decretado polo goberno galego e contará con postos de toda tipoloxía, dende roupa e calzado ata alimentación ou apeiros.

Dende o Concello esixirán a vendedores e clientes que adopten medidas de hixiene, uso de máscaras e o mantemento da distancia persoal de 1,5 metros.

As seguintes aperturas serán, xa na vindeira semana, as dos parques infantís e as das instalacións deportivas ao aire libre.

As áreas de xogo están a ser acondicionadas con diversas medidas de seguridade e hixiene e van contar cun protocolo informativo de emprego e distancia para que os cativos e os seus proxenitores coñezan de primeira man a normativa.

Ademais, tamén está prevista a posta en funcionamento das instalacións deportivas ao aire libre, como a pista multideporte ou o recentemente construído Circuíto Pump-Track.

Os recintos deportivos cubertos, como o pavillón, permanecerán pechados ata setembro.